24/03/10

Nova camiseta do Cineclube

Desde que o Cineclube fixera, a finais dos 90, dúas series de camisetas con deseños do ourensán Rober Araújo —con afortunadas caricaturas de Bogart e de Hitchcock, respectivamente—, non sacaramos á luz ningunha outra. Agora, a proposta da tenda Planeta Perverso (praza das Damas, 2, 32005 Ourense) e o deseñador Óscar Penín, podemos anunciar a edición destas camisetas conmemorativas do 40 aniversario, que celebramos este ano. O motivo é, como pode apreciarse, un dos primeiros iconos do cinema, o célebre Nosferatu de Murnau.

De momento, a única maneira de comprar estas camisetas (en modelos para muller e home, e diferentes talles, todos eles a un prezo de 12 euros) é nas nosas sesións cinematográficas, aínda que tamén poderedes encargalas previamente a través do noso enderezo de email ou mediante Facebook.


Unha curiosidade: a última vez que se proxectou
Nosferatu no Cineclube Padre Feijoo foi hai catorce anos, en marzo de 1996 (o 21/3/1996, nunha sesión dobre co título de «Noite do terror» en parella con El conde Drácula [1969], de Jess Franco).

23/03/10

‘Home, ¿dulce hogar?’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

CON ‘HOME, ¿DULCE HOGAR?’
ACABA O CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

Mañá, mércores 24 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película Home, ¿dulce hogar? (Home), dirixida pola suíza Ursula Meier. O filme enmárcase no ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». Formou parte da Semana da Crítica do Festival de Cannes de 2008, e entre os moitos galardóns con que conta está o Premio do Público na Mostra Internacional de Filmes de Mulleres de Barcelona 2009.

Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Home, ¿dulce hogar? conta a historia dunha familia que vive nunha casa de campo en medio da nada. Illados do mundo, lograron o equilibrio creando un ambiente en que reina a alegría e a harmonía familiar. Mais a apertura dunha autoestrada abandonada que pasa a poucos metros da súa casa converterá a súa existencia nunha carreira por adaptarse ao mundo exterior. Aínda que ao principio eles seguen a súa despreocupada rutina, un inquietante mundo de centos de coches que pasan rápidos e ruidosos irromperá nas súas vidas poñendo a proba o seu enxeño, a súa forza e a súa vontade para se manteren na súa casa ideal e protexeren a súa particular forma de vida.

O crítico Jordi Costa escribía sobre Home na revista Fotogramas: «hai neste traballo unha poderosa enerxía perturbadora e un saudábel rexeitamento á obviedade».

16/03/10

‘Frozen River’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘FROZEN RIVER’: CINEMA COMPROMETIDO NO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

Mañá, mércores 17 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película Frozen River (Río helado), dirixida pola estadounidense Courtney Hunt. O filme enmárcase no ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo», que para esta ocasión conta coa colaboración do Grupo Local de Amnistía Internacional en Ourense. O filme obtivo o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance de 2008, así como tres premios (entre eles, a Cuncha de Prata á Mellor Actriz) no Festival de San Sebastián 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Frozen River conta a historia dunha muller, Ray, a punto de comprar a casa dos seus soños para a súa pequena familia. Porén, o seu marido, grande afeccionado ás apostas, foxe co diñeiro e déixaa arruinada e soa cos nenos. Mentres trata de encontrar o seu marido, Ray coñece a Lila Littlewolf, unha rapaza mohawk que lle propón un xeito de gañar diñeiro fácil. O plan é arriscado: pasar inmigrantes ilegalmente polo xeado río Saint Lawrence, con patrullas fronteirizas nas dúas beiras. A desesperación por gañar diñeiro empurra a Ray a aceptar a oferta. Ray conducirá o coche e repartiranse as ganancias. Ao principio, a capa de xeo é grosa, mais a medida que seguen co seu negocio e o xeo se fai máis delgado, Ray e Lila descubrirán que trasladar inmigrantes ten un prezo.

A directora Courtney Hunt, como afirmaba o diario Le Monde, «encontra o equilibrio perfecto entre o suspense, a crónica social e a relación entre as protagonistas». Pola súa parte, o cineasta Quentin Tarantino, membro do xurado da edición 2008 do Festival de Sundance, dixo do filme: «Un dos thrillers máis inquietantes que teño visto: desde a primeira media hora até o derradeiro fotograma estiven co corazón encollido».

09/03/10

‘Cómo celebré el fin del mundo’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

‘CÓMO CELEBRÉ EL FIN DEL MUNDO’, NO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

Mañá,
mércores 10 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película romanesa Cómo celebré el fin del mundo (Cum mi-am petrecut sfarsitul lumii), dirixida por Catalin Mitulescu, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». O filme obtivo o Premio á Mellor Actriz na prestixiosa sección «Unha certa ollada» do Festival de Cannes de 2006, e o Premio da Xuventude da Seminci de Valladolid dese mesmo ano. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).

O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


Cómo celebré el fin del mundo sitúanos en Bucarest, en 1989, derradeiro ano da ditadura de Ceausescu. Eva, de 17 anos, vive cos seus pais e co seu irmán de 7, Lalalilu. Un día na escola, Eva e o seu mozo Alex —fillo dun odiado oficial do partido comunista— rompen accidentalmente un busto de Ceausescu. Alex confesa a súa culpa perante toda a clase e un comité disciplinario do partido; Eva négase e é trasladada a un reformatorio. Alí coñece a Andrei, que se está a preparar para escapar do país cruzando a nado o Danubio. Eva decide escapar con el. Lalalilu, desolado pola fuga da súa irmá, chega á conclusión de que Ceausescu é o culpábel de toda a súa dor e a razón principal da decisión de Eva. Entón, cos seus amigos da escola, traza un plan para lograr que Eva regrese e comezar unha nova vida nunha Romanía libre.


Deborah Young, na revista Variety, comentaba sobre Cómo celebré el fin del mundo: «Mitulescu logra harmonizar os difíciles camiños do ton traxicómico da película, ofrecendo ao espectador o sentimento daquela época tal como foi sentido pola xente corrente que quedou na sombra até que de repente a revolución puxo o seu mundo do revés».

02/03/10

‘Tres monos’

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

INICIO DO CICLO «CATRO MIRADAS DO MUNDO»

COA PELÍCULA ‘TRES MONOS’

Mañá, mércores 3 de marzo, o Cineclube Padre Feijoo e Cinebox Ourense presentan a película turca Tres monos (Üç maymun), dirixida por Nuri Bilge Ceylan —o realizador das aclamadas Lejano (Uzak) e Los climas—, dentro do ciclo «Estreas en Versión Orixinal 10: Catro miradas do mundo». O filme obtivo o Premio ao Mellor Director no Festival de Cannes de 2008. Os pases serán ás 20.30 e 23.00 horas, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella); as entradas serán de 4,00 euros (3,00 euros no caso de estudantes con carné universitario).


O presente ciclo conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.


No filme Tres monos cóntase como Servet, un político, tras quedar durmido ao volante do seu vehículo, atropela mortalmente un peón. Horrorizado ante a posibilidade de que ese suceso inflúa na súa carreira electoral, decide agachar o seu delito, polo que recorre a Eyüp, o seu chofer de toda a vida. Este acepta ir a prisión a cambio da seguridade financeira da súa familia. Mentres Eyüp está no cárcere, a vida de Ismai, o seu fillo adolescente, comeza a tomar camiños problemáticos. Hacer, a fermosa muller de Eyüp, recorre a Servet en busca de axuda, mais a relación entre ambos parece ir más alá do aceptábel. Unha intricada rede de mentiras unirá as vidas destas catro persoas, creando un difícil equilibrio que ameaza con se esborrallar en calquera momento.

A prensa internacional tense desfeito en eloxios cara a este filme. En Francia, por exemplo, o diario Le Monde aseguraba: «a atmosfera abafante pálpase no ton existencialista da película e no seu tratamento estético», e cualificábao como «cinema do grande»; Libération, pola súa parte, definíao como «un filme cativador acerca dos celos, a arrogancia do poder, a violencia e, sobre todo, a mentira».