26/11/10

II Semana do Cinema Documental

Esta é a nota de prensa enviada hoxe aos medios (se queres recibir información sobre as actividades do Cineclube, únete ao grupo de correo en http://groups.google.es/group/cineclubepf ou a través de Facebook)

SEGUNDA «SEMANA DO CINEMA DOCUMENTAL» NO CINECLUBE


O Cineclube Padre Feijoo, coa colaboración de Cinebox Ourense, organiza a II Semana do Cinema Documental. Este ano, a actividade consistirá na proxección de dous documentais de temática diversa, seguindo o camiño iniciado na edición do ano pasado. As sesión serán o martes 30 de novembro e mais o mércores 1 de decembro ás 20:30 e 23 h, no Cinebox Ourense (Centro Comercial Ponte Vella), cos prezos habituais de entrada de 4 euros (3 euros con carné universitario).
Para esta actividade cóntase co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, así como da Federación de Cineclubes de Galicia, da Xunta de Galicia co Consorcio Audiovisual de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Deste xeito, o vindeiro martes, 30 de novembro, proxectarase Che, un hombre nuevo, filme dirixido polo arxentino Tristán Bauer (realizador da multipremiada Iluminados por el fuego), que investiga a figura dun mito como o do Che na súa intimidade. A película fai, en palabras do director, «unha viaxe a través da memoria histórica, o pensamento e a poesía de Ernesto Guevara».
O mércores, 1 de decembro, exhibirase La doctrina del shock. Este documental, codirixido polos británicos Michael Winterbottom (Wonderland, Código 46, In This World) e Mat Whitecross (que xa codirixira con Winterbottom Camino a Guantánamo), baséase no libro homónimo de Naomi Klein (a famosa autora de No Logo) sobre o auxe do chamado «capitalismo do desastre», que insta os gobernos a aproveitar períodos de crise para levar a cabo todo tipo de reformas a favor do libre mercado.
En ambos os casos, trátase de películas en estrea en Ourense.


II Semana do Cinema Documental
Cinebox Ourense
Entrada: 4 euros (3 euros con carné universitario)
Versión Orixinal Subtitulada

• Martes 30 de novembro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h

Che, un hombre nuevo

Che, un hombre nuevo.
Arxentina/Cuba/España, 2009. Cor, 129 min • Dirección: Tristán Bauer • Produción: Carlos Ruta, Otilio García, Josetxo Moreno, Camilo Vives (UNSAM, Golem, ICAIC) • Guión: Tristán Bauer, Carolina Scaglione, coa colaboración de Alfredo Guevara • Fotografía: Javier Julià • Montaxe: José María del Peón, Gabriel Golzman, Carolina Scaglione • Música: Federico Jusid, Jean-Jacques Lemêtre • Estrea en España: 29/10/2010 • Versión orixinal en español.

• Festival dos Filmes do Mundo de Montreal 2010: Mellor documental

Web oficial (español): http://www.golem.es/che

Ernesto Guevara, o Che, asasinado aos 39 anos, converteuse nun verdadeiro ícono dos nosos tempos. A súa imaxe, a súa obra e o seu pensamento teñen hoxe unha forza irresistíbel. A clave que haberá de desentrañar este documental é a súa intimidade, a súa continua formación, a súa coherencia, a súa particular ollada poética sobre a realidade. Novo filme do director de ‘Después de la tormenta’ e ‘Iluminados por el fuego’.


• Mércores 1 de decembro de 2010 • Cinebox Ourense, 20.30 e 23 h

La doctrina del shock

The Shock Doctrine.
Reino Unido, 2009. Cor, 80 min • Dirección: Michael Winterbottom, Mat Whitecross • Produción: Andrew Eaton, Alex Cooke, Avi Lewis (Renegade Pictures, Revolution Films) • Guión: Naomi Klein, segundo o seu libro ‘The Shock Doctrine: The Rise of Disaster Capitalism’ • Fotografía: Ronald Plante, Rich Ball • Montaxe: Paul Monaghan • Estrea en España: 6/8/2010 • Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.

• Festival de Sundance 2009
• Festival de Berlín 2009
• Festival de San Sebastián 2009

Web oficial (español): http://www.isaanent.com/ficha.php?idpelicula=43

Baseada no libro de Naomi Klein, o filme trata do auxe do chamado «capitalismo do desastre», que insta os gobernos a aproveitar períodos de crises económicas, guerras, desastres naturais, ataques terroristas e epidemias para saquear os intereses públicos e levar a cabo todo tipo de reformas a favor do libre mercado. Medidas tan desapiadadas que só puideron imporse mediante o medo, a forza e a represión. Rastrexa as orixes deste capitalismo salvaxe nas teorías radicais do premio nobel de economía Milton Friedman e a súa posterior aplicación en todo o mundo, desde as ditaduras dos anos 70 en Chile ou Arxentina, á Gran Bretaña de Margaret Thatcher, a Rusia de Ieltsin, ou as non tan afastadas invasións neoconservadoras no Afganistán e no Iraq.

2 comentarios:

Mondoxíbaro dixo...

'A doctrina do Shock' Moi recomendable o seu visionado para o patriota Aznar, semella seguir as teses de Naomi Kleim, especializado na doctrina do pao e a cenoura; ainda chamame a atención que se siga a falar del, non precisamente como estadista, senón polas súas soflamas tremendistas

Unknown dixo...

Por certo hai unha pequena curta dirixida pola novelista na que se inspira o documental 'Naomi Klein' máis 'Alfonso Cuarón', ainda que semella de máis calidade artística o de Winterbottom; os últimos metraxes da curta de Kleim e Cuarón son unha copia do de Winterbottom.