25/04/07

‘El Maligno’

Esta é a nota de prensa que enviamos hoxe aos medios:

COMEZA O CICLO «NOVAS OLLADAS»
CO FILME PORTUGUÉS ‘EL MALIGNO’

Mañá, 26 de abril de 2007, o Cineclube Padre Feijoo proxecta, no Cine Dúplex (rúa Sáenz Díez s/n), o filme portugués El Maligno (Coisa Ruim), di rixida en 2006 por Tiago Guedes e Frederico Serra. A entrada terá un prezo simbólico de 2,50 euros, reducida portando o carné universitario a 1,50 euros. A proxección será en versión orixinal en portugués con subtítulos en castelán. Con estas proxeccións comeza un novo ciclo do Cineclube, dedicado ás revisións que se están a dar a diversos xéneros como o thriller e o fantástico, a través de títulos destacados. O ciclo conta co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Casa da Xuventude ourensá.
El Maligno conta como unha familia de Lisboa herda unha casa nunha pequena e afastada aldea do interior de Portugal. A xente di que coa casa tamén herdaron unha maldición. As crenzas e supersticións dos habitantes da aldea comezan a preocupar os pais desta familia mentres os fillos teñen visións das tres nenas que foran asasinadas polo antepasado que era dono daquela mansión.
A película participou nos prestixiosos festivais Fantasporto (onde serviu de filme de apertura) e Sitges.
Producida polo gran Paulo Branco —ligado a títulos de directores como Manoel de Oliveira, Wim Wenders, Alain Tanner, Raoul Ruiz ou Paul Auster—,
El Maligno (Coisa Ruim) foi un dos maiores éxitos do ano 2006 en Portugal. A pesar de ser unha fita próxima ao cinema de terror, «non pretende dar sustos, só abrir os ollos ao medo».
O guión está inspirado nos varios mitos e lendas dun Portugal profundo que, aínda hoxe, cohabita con cultos relixiosos de orixe cristiá e pagá. O suspense do filme vive sobre todo daquilo que non é contado explicitamente senón polas pequenas alusións que nos levan a tirar determinadas conclusións.
Con influencias directas de Night Shyamalan (El sexto sentido, El bosque) e Amenábar (Los otros), o filme ten, non obstante, un estilo propio, unha persoal forma de facer cinema que xa se deixaba ver nas curtametraxes que dirixiran conxuntamente os mesmos realizadores anteriormente.

Ningún comentario: